24 de maio de 2005

o ceo é inferno

Había unha vez unha meniña que vivía nun paraíso pequeno e verde, pero un tanto triste. A melancolía da paisaxe non impedía que a meniña soñara con pazos de pedra e madeira, un tanto pequenos, pero cheos de historias inventadas. Ás tardes saía pasear cerca do río que, á sombra das árbores, quedara verde tamén. As flores que saían á beira dos camiños saúdabana sorrindo ó vela pasar. As rochas fixéranlle, garimosas, unha cadeira de pedra no alto do monte e ela, agradecida, admiraba dende alí o esplendor daquela postal de ensoño e prometíase que iría até alí sempre que precisase respirar liberdade, cando o pó negro e a nube gris intentasen afogala.

Unha mañá espertou suorosa por un mal soño que non podía lembrar e pensou que camiñaría por corredoiras embruxadas até o seu verde refuxio e alí, calmada, volvería imaxinar pazos de pedra e madeira cheos de historias inventadas conseguindo librarse dese mal que non a deixaba erguerse. Pero xa nada estaba no seu sitio cando chegou. Xa non quedaba nin unha flor, nin unha soa árbore e o río, só, tornara as augas grises de pena. E, entón, lembrou o mal soño: o inferno erguera as súas chamas sobre a súa terra, o lume saboreaba cada parte do paraíso sen deixar nin os ósos e os homes, desesperados, tentaban sen éxito salvar algún recuncho celestial. E o pesadelo foi real, e ela sentiu que nunca volvería respirar.

Sem comentários: